miércoles, diciembre 15, 2010

Internacional das Migracións Manifesto “NINGUÉN SOBRA NUNHA CRISE!”

MANIFESTO
A palabra migración, que foi desde a orixe da humanidade sinónimo da súa propia historia, chora hoxe a súa corrupción ata o loito, por todas as inxustizas acaecidas nun mundo no que o neocolonialismo usufrutúa con avidez os recursos de moitos pobos, entanto castiga cunha inxustiza que se contradí coas súas propias leis aos que chegan fuxindo da realidade na que transformaran os seus lugares de orixe.
As persoas migrantes vémonos obrigadas a ofrecernos como man de obra barata e desprotexida, moitas veces considerada ilegal, unicamente polo feito de termos nacido nun territorio concreto dun mundo en cuxas fronteiras os países ricos abren portas coa forza da súa economía ou das súas armas.
As noticias globais sobre os atentados contra as poboacións de moitos lugares do mundo, dos que se desprenden beneficios para os estados máis enriquecidos, así como a persecución aos migrantes son feitos cada día máis preocupantes.
Nunha recente entrevista concedida ao diario Público.es, o escritor uruguaio Eduardo Galeano recordaba que o racismo “produce amnesia. Porque todos somos africanos emigrados”. Denunciamos que esta amnesia está a ser a auténtica pandemia que sofre unha parte da sociedade, que as medidas de prevención aplicadas á Gripe A deberían trasladarse a este cancro de inxustiza que ataca á humanidade e á súa casa, a Terra.
Non debemos permitir un só espirro que contaxie doenzas tan graves como as acontecidas no último ano, como a expulsión de cidadáns de orixe romena e búlgara, maioritariamente pertencentes à secularmente maltratada etnia xitana; a “Lei Arizona”, que veu lexitimar a discriminación e o controle policíaco da inmigración nos Estados Unidos; o masacre de 72 migrantes en Tamaulipas, México; ou a aplicación de políticas xenófobas e do constante recorte de dereitos que veñen poñendo en marcha diferentes países da Unión Europea.
A crise económica está a empeorar as condicións de vida de toda a poboación e, en particular, das persoas inmigrantes: os seus contratos son cada vez máis precarios ou inexistentes; as posibilidades de regularización, máis remotas; os dereitos de reagrupación familiar, menos contemplados e, en liñas xerais, as persoas, máis discriminadas e desprotexidas.
Ademais do paro; das dificultades económicas, do temor a rematar a prestación de desemprego, do medo ao desaloxo polo impago da hipoteca ou a non chegar a fin de mes, as persoas inmigrantes debemos enfrontar o desasosego de atopar un control policial á volta da esquina, a incerteza dunha deportación exprés, a humillación de identificarse a calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente.
A criminalización e persecución das persoas migrantes indocumentadas inoculan o medo e a fractura social entre conveciños e entorpecen a convivencia entre as persoas que habitamos un mesmo territorio, obstaculizando as posibilidades reais de que nos acomodemos e nos sintamos cidadás de pleno dereito desta sociedade que escollemos para desenvolver o noso proxecto de vida.
Ante todos estes síntomas, que xorden cada minuto no mundo, propoñemos vacinarnos contra os discursos demagóxicos que alertan sobre o carácter delincuencial e ameazante da inmigración, cuxo único propósito é desviar a atención dos auténticos responsábeis da crise económica, social e ambiental que estamos a vivir, ao tempo en que espertan sentimentos de competencia e desconfianza entre a poboación, deixando espazo para o rebrote de actitudes e comportamentos racistas que criamos enterrados. .
Neste día 18 de Decembro, no que recordamos que as migracións forman parte do substrato de todos os pobos do mundo, antes que celebrar, tócanos lanzar un berro de repulsa e esixir o peche dos centros de internamento e detención de estranxeiros, a supresión das crecentes redadas, identificacións e deportacións

No hay comentarios.: